O Concello presenta axudas por valor de case un millón de euros a través do 
Plan Supera 21

127

Trátase dunha liña de axudas municipais para autónomos, microempresas, pymes e entidades de economía social, e que continúa o anterior Plan Supera20, co obxectivo de apoiar os negocios locais afectados pola crise sanitaria actual

Como unha das novidades principais deste ano, haberá dous modelos de solicitudes: de investimento e de gasto corrente

Esta mañá de xoves, 23 de agosto, o Concello de Pontevedra presentou as axudas Supera 21, da man da concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e da edil de Promoción Económica, Yoya Blanco. Trátase dunha liña de apoio económico para autónomos, microempresas, pymes e entidades de economía social, mantendo o carácter de apoio iniciado co Plan Supera20, o ano pasado, elaborado por mor da pandemia provocada polo coronavirus e a súa posterior crise.

En total, o Concello ten previsto un orzamento de 600 mil euros para as as axudas relacionadas co Investimento, e de 300 mil para as relacionadas co gasto corrente. En ambos os dous casos, os créditos poderán ser ampliados no caso de recibir moitas peticións por parte dos diferentes sectores.

«Para min é especialmente importante que as bases do Supera 21, que as asociacións de maneira maioritaria participaran nesta formación das bases, polo que se axustan as necesidades que teñen agora mesmo os autónomos. É importante que o Concello estea cos sectores máis afectados pola pandemia», sinalou a concelleira Blanco. 

Na práctica, o Plan Supera21 é un plan que conta catro eixos principais: o coidado das persoas, o apoio á cultura e o deporte, o apoio á economía local e ser unha aposta clara polo investimento público. O Concello, ao formular as bases, recoñeceu ter un compromiso cos diferentes sectores, a través tamén de tres premisas: que fosen unhas bases equitativas, sostidas no tempo e participadas.

«Haberá varias novidades respecto do ano pasado, froito do consenso entre todas as partes», explicou Gulías. O primeiro sería o desglose desta convocatoria en dúas solicitudes diferentes. Dunha banda, a solicitude para gasto que teña que ver co investimento e, doutra, unha solicitude para gasto corrente.

Na primeira non hai grandes cambios con respecto ao anterior Plan Supera, facendo fincapé nas axudas relacionadas coa dixitalización, obras de accesibilidade, obras de renovación e embelecemento, melloras na eficiencia enerxética, melloras de actividades que teñan que ver con adquisición de mobiliario e equipamento mais, como novidade, tamén entrarán tamén os vehículos comerciais. 

Na segunda solicitude, de gasto corrente, o Concello financiará cuestións que teñan que ver con gastos derivados da adquisición de material de protección e prevención da Covid 19. Tamén serán financiados os gastos derivados da adaptación do comercio en liña, entre o que se inclúen os servizos de entrega a domicilio. Ademais, entrarán dentro este financiamento os gastos relacionados coa publicidade ou difusión da actividade comercial;  así como a contratación de profesionais externos (como por exemplo a contratación dun profesional da comunicación para a mudanza de imaxe do negocio). Por último, quedan contemplados os gastos en relación coa reparación e mantemento do mobiliario. 

O Concello tamén sinalou cambios nos criterios de puntuación para a obtención das achegas. Nese sentido, serán premiados aqueles negocios que máis invistan, na procura dun efecto multiplicador para a economía local. Tamén se terá en conta a diminución da facturación, amais do mantemento e a creación de emprego. Puntuará positivamente o uso da lingua galego como vehículo para a súa normalización. Por último, e como novidade no Supera 21, serán premiadas as solicitudes que cheguen ben rexistradas e completas, pois é un factor que «axiliza tremendamente os tempos de adxudicación e resolución das axudas». O pasado ano, a edil recoñeceu que houbo bastante problemas coas solicitudes, con preto dun 70 % delas mal cubertas. 

Doutra banda, e seguindo o comunicado polo Concello, queda confirmado que se anticiparán o cen por cen das axudas, superando o setenta por cento que se anticipaba no Supera 20. A nivel individual, as achegas poderán ser de até 5.000 euros por solicitude.

A primeira solicitude, a de investimento, está pendente de publicación da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, feitos xa todos os trámites posíbeis por parte do Concello. «No momento no que quede publicada a axuda, abrirá o prazo de solicitudes», explica a concelleira de Promoción Cidadá. As de gasto corrente sairán, aproximadamente, en quince días. Ademais, seguindo as peticións dos sectores, o prazo de presentación  de solicitudes para as axudas aumentará de 15 días do Supera 20, a 30 días naturais logo da publicación no BOP.